 |
| Vista dende o miradoiro de Cabezoás. |
Un domingo post-vendimas, co corpo aínda delorido, marchamos algunha xentiña de Sober – e arredores – de visita á outra beira do país ribeirao: as terras de Parada de Sil.
 |
| Canón do Mao. |
Sabida é a unidade paisaxística e histórico-cultural que conforman ambas marxes do canón do Sil, por iso nos sentimos coma na casa, pero iso non quita que haxa algunha que outra diferencia. A fundamental radica na distinta orientación das ladeiras: cara o sul, no caso da limesa (=de Lemos), cara o norte a da beira caldelá (=de Caldelas). Esto orixina unha vexetación mediterránea e un cultivo intensivo da terra dende antigo, do noso lado, coa omnipresente paisaxe de viñedo asocalcado, e unha vexetación fraguiza no caso ourensano, que alterna cos viñedos nas ladeiras orientadas meridionalmente. Deste xeito, desplazarse por Parada foi un permanente deambular por paraxes á sombra, entre soutos, e por lugares onde o sol picaba de máis. Pero esta simplificación oculta a gran diversidade de medios e paisaxes da vertende caldelá, coma o impresionante canón do Mao, un micromundo singular dentro da unidade ribeirá.
No aspecto etnográfico, achámonos no que poderiamos chamar o “triángulo dos oficios tradicionais” pois, se de Parada saían os barquilleiros e de Nogueira de Ramuín os afiadores, de Sober exportabamos augardenteiros – ou alambiqueiros – por Galicia adiante.
Historicamente sempre estivemos vencellados os dous lados do Sil, pois os grandes mosteiros do lado ourensán ben que aforaron terras do lado soberino, cando o río corría e o surcaban as barcas, que se mantiveron ata que o encoro veu a asulagar as mellores terras a prezos irrisorios para surtir de luz a outros lugares.
Comezamos a excursión – organizada pola asociación O Colado do Vento – cun paseo dende a fábrica de luz do río Mao ao lugar de Barxacova, por pasarelas de madeira que permiten camiñar polas empinadísimas vertentes do Mao.
 |
| Pasarelas no canón do Mao. |
Fomos logo ao miradoiro de Cabezoás, cunha panorámica privilexiada do enorme bloque granítico das terras de Bolmente, onde nos dimos conta da rotundidade que realmente ten o canón.
 |
| Miradoiro de Cabezoás. |
 |
| O canón do Sil dende Cabezoás. |
Despois dun xantar en Parada visitamos o mosteiro de Santa Cristina, coa igrexa de finais do s. XII e inicios do XIII e o claustro do s. XVI, lugar acaído onde deter o tempo e esquecer os quefaceres cotiáns, ao que pertenceron a vila de Pinol e a igrexa de Bolmente, do noso lado, o que testemuña a unidade histórica dos nosos territorios. Dende alí vimos a ribeira de Bolmente e lembramos cando a mocedá dalí cruzaba o río en Barca para vir ás festas de Cadeiras e a de aquí facía outro tanto para ir xantar ao San Bieito a Parada.
Achegámonos logo ao miradoiro dos Torgás, visita obrigada para a xente de Sober, onde mirar de fronte o monte de Cadeiras, con toda a ribeira de Santiorxo ao oeste e o mundo de Chanteiro ao leste. Estamos no punto onde comeza o mundo granítico do canón, cara occidente, e onde as formas se suavizan e se abren, cara oriente, por mor da presenza de rochas pizarrosas máis brandas.
 |
| Os Torgás. |
Xa na tardiña, achegámonos ao pobo de San Lourenzo, por carreteras imposibles, para ir ver a recén descuberta necrópole de San Vítor.
Unha agradable xornada no lugar dos topónimos que enchen a boca: Cristosende, Barxacova, Sacardebois, Purdeus Rabacallos, Lumeares… Nomes que son antídoto contra a desmemoria.
Organizou a visita Javier Vivirido, o noso presidente, coa axuda de Alberto Fraga. As fotos son de José María Lago. Graciñas!
Deixar un comentario