Crónica da conferencia de Luis Manuel Ibáñez Beltrán sobre a Terra de Lemos na Idade Media

O 14 de novembro en Monforte, Luis Manuel Ibáñez Beltrán pronunciou unha conferencia sobre a Terra de Lemos en época medieval, convidado polas asociacións O Colado do Vento e Amigos do Patrimonio Lemos.

Durante unhas dúas horas e cunha sala chea, este Doutor en Historia Medieval, con raíces na nosa comarca, disertou sobre Historia Medieval nunha charla titulada: “7 rectificaciones sobre la Historia de Monforte y la Tierra de Lemos”, con gran paixón e pulso didáctico.

Facemos un resumo destes 7 temas, convidando a profundizar nestas cuestións nos traballos publicados por Luis Manuel Ibáñez Beltrán: aquí.

  1. Lemos si aparece no Parrochiale suevum, unha falsificación redactada no século XI, pero que toma documentos anteriores. Trataríase do “Seuios” que aparece como Lemos no exemplar conservado en Coimbra. O primeiro documento onde aparece a igrexa de San Vicente (915) non permiite deducir que seña unha igrexa abacial; non podemos dar por existente o mosteiro do Pino a inicios do século X.
  2. Sobre as dimensións históricas de Lemos. A primeira referencia ao “territorio lemaense” é de 876, referencia eminentemente xeográfica, con límites claros en Sil e Miño e algo cambiantes cara o leste e norte. Dende o s. X, este territorium ten divisións internas: Saviniano, Verosimo (Sober), Humano (O Incio) e, co tempo, Val de Ferreira. Esta entidade xeográfica será unha terra dende o s. XI ao XIV, un espazo político comandado por un tenente, en nome do rei.
  3. A cuestión do suposto despoboamento e repoboación de San Vicente é un mito alentado polo propio mosteiro. A primeira referencia certeira a este mosteiro de Sancto Vicentio de Pino é de 1073, mosteiro que medrará ao calor das doazóns reais. Celanova ten gran presenza en Lemos no século X, retrocedendo no XI namentres medran os mosteiros do Pino e de Ferreira.
  4. A orixe do nome “Pino” é incerta. En todo caso, Pino non é o nome do mosteiro, senón o da parroquia orixinal.
  5. O burgo do Pino fundado en 1104 estaría orixinalmente no chao, non na cima do monte. Monforte vaise desenvolvendo como “capital” da terra e o mosteiro e o poder real reparten os beneficios do crecemento comercial. O novo nome “Monte-Forti” documéntase a finais do s. XII e os primeiros alcaldes no s. XIII, nun proceso de desenvolvemento urbano no propio monte, dentro das murallas.
  6. É falsa a idea de que Felipe de Castela e Enrique II foran “condes de Lemos”. O infante Felipe de Castela fora enviado por María de Molina e queda como vicerrei en Galicia. Enrique II aparece como tenente na Pobra do Brollón, pero non conde de Lemos, simplemente tenente en lugares de Lemos. Só despois de 1366 o conde de Lemos domina todo Lemos.
  7. A Pobra do Brollón é unha entidade urbana de importancia en época medieval, fundada por Sancho IV. Foi destruída na guerra civil castelá de 1351-1369 e refundada en 1386.

Deixar un comentario