A FEARS cre que é un fracaso político de todas as Administración implicadas a negativa técnica do ICOMOS á candidatura da Ribeira Sacra


A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra, da que fai parte O Colado do Vento, acolle con contida satisfacción que moitos dos argumentos remitidos á ICOMOS desde a nosa entidade foran tidos en conta, dándonos a razón ao que levamos anos denunciando a pesar da tentativa de silenciarnos cun abrumador e falso relato oficial.

Coñecemos hoxe a decisión do ICOMOS de recomendar “non inscribir a Paisaxe da Auga da Ribeira Sacra na Lista” de Patrimonio Mundial, o que coincide coa nosa diagnose desde as primeiras xuntanzas onde se constatou que se trataba dunha candidatura cociñada de costas aos moradores do territorio e por espúreos intereses caciquís.

A negativa do punto de vista técnico da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial confirma o que denunciamos sempre desde a Federación: que a Xunta estaba concentrando os esforzos na diplomacia e na propaganda, non estando sequera asegurado que se obteña a distinción, malia ser a única candidatura do Estado español.

O informe técnico negativo non é vinculante, mais é indicativo de como se deixou de lado o rigor científico en favor da publicidade e as relacións políticas e, sentada a oposición técnica ao proxecto, ficarían apenas manobras políticas que apenas redundarían en afondar na mercantilización e disneyficación do territorio. De feito, tanto a Xunta coma o Goberno central decidiron seguir adiante co proceso, desouvindo ambas administracións, os posicionamentos e advertencias do tecido asociativo local, que nunca se tivo en conta criando a última hora un “consello de parroquias”, que nunca pasou dunha pantomima ao servizo do caciquismo.

O punto que con maior peso sustenta o informe negativo é pretender incluír os encoros do electrofascismo -uns con mao de obra forzada e todos vector de emigración maciza e destrución do agroecosistema tradicional- como evolución natural do territorio e dos “muíños” (sic.), un despropósito aínda máis grave se temos en conta canto cobraron os “técnicos” e “expertos” pagos pola Xunta que deseñaron a nova (verdadeiramente enésima) candidatura.

Obviar que foron intervencións a gran escala da política industrial do Franquismo – mesmo utilizando presos políticos do penal de Santo Estevo para a súa construción – que racharon elementos económicos tradicionais como a pesca, a viticultura das mellores terras a carón do río ou as barcas de paso. Asemade, sen que esta política industrialsupuxera un desenvolvemento do territorio, fortemente marcado polo despoboamento. De feito, o informe remarca unha das alertas que a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra xa ten enviado á UNESCO: a falta de relevo xeracional que pon en risco a propia existencia da viticultura en ribeiras amuradas, principal elemento distintivo do territorio e que as políticas da Xunta e do Estado teñen de xeito decisivo contribuído a agudizar, por exemplo excluíndo da PAC o sector, evitando o funcionamento democrático da DO ou sacrificando os pequenos produtores no altar do “mercado” ante a negativa dun estudo de custes solvente e no cumprimento da Lei da cadea alimentar.

Ademais, o informe concorda coas análises da Federación en canto a falta de protección ambiental axeitada, o alto risco de incendios sen xestión das faixas secundarias e da flora invasora – patente o verán pasado – ou a perda de biodiversidade. Por non falarmos do abandono e descontextualización da maior parte do patrimonio. Para a Xunta e os seus concellos caciquís a inventio Ribeira Sacra consistía nunha serie de miradoiros aos que ir en coche para facerse un selfie.

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra lamenta que o proceso de candidatura non fora aproveitado para afondar no coñecemento sobre a cultura ribeirá e fomentar alternativas laborais potenciando os sectores económicos tradicionais, como xeito de manter unha paisaxe e territorio singular. Tampouco foi serio nin real o proceso de participación cidadá: comezou tarde e foi incompleto, só para cubrir expediente, polo que a candidatura non ten respaldo social.

A diplomacia e as relacións ao alto nivel, que tal vez poidan facer que a Ribeira Sacra acade a distinción de Patrimonio Mundial, non poden ocultar o fracaso ténico e de xestión de todas as administracións implicadas: nin se elaborou unha candidatura con rigor científico, nin se tivo en conta a opinión da poboación nin mudaron elementos estruturais que lastran o futuro do territorio.

En definitiva unha fraude intelectual, unha estafa aos “indíxenas” e un fracaso político que debería aclarar moito sobre como e para quen se dilapidan os recursos públicos.

ANEXO

(parte do informe do ICOMOS onde menciona o traballo da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra)

“ICOMOS recibiu información en nome de organizacións comunitarias locais por parte da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra expresando importantes preocupacións sobre a nominación. Foron suscitadas unha gama de materias incluíndo a participación das comunidades locais, a promoción da Ribeira Sacra con propósitos comreciais e turísticos, a calidade da auga e problemas medioambientais. As circunstancias para os residentes da área nominada considéranse precarias debido a factores demográficos e económicos, a falta de infraestruturas comunitarias e conflitos cos viticultures. En outubro de 2025, o Estado Parte facilitou unha resposta a estas cuestións. ICOMOS anota as visións diverxentes da comunidade sobre os beneficios da inscrición como Patrimonio Mundial e anima ao Estado Parte a continuar as súas accións de participación e a escoitar as visións discrepantes.”

Informe do ICOMOS

Deixar un comentario