Ribeira Sacra: agora que? A UNESCO devolve a candidatura da “Ribeira Sacra Paisaxe da Auga” sen declarala Patrimonio Mundial e ponlle condicións para a súa inscrición

Ribeira Sacra: agora que?

A UNESCO devolve a candidatura da “Ribeira Sacra Paisaxe da Auga” sen declarala Patrimonio Mundial e ponlle condicións para a súa inscrición

O fracaso técnico e político agrávase co feito de intentar sacar adiante a inscrición pretendendo obviar o informe negativo de ICOMOS e cuestionando os organismos internacionais por defender a nefasta candidatura elaborada pola Xunta.

27 de xullo de 2026.

A UNESCO devolve a candidatura da “Ribeira Sacra Paisaxe da Auga” sen declarala Patrimonio Mundial e ponlle condicións para a súa inscrición, solicitando ao Estado que clarifique e acredite os distintos atributos da Ribeira Sacra, complete o inventario dos elementos da “cultura da auga” e afonde na explicación histórica que permita entender a continuidade da paisaxe.

Dende a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS), como sempre defendemos, valoramos que a actual candidatura é irreformable, en tanto en canto asume unha delimitación territorial non histórica e unicamente pretende consolidar unha marca territorial, facendo encaixar nela distintos relatos. A primeira candidatura pretendía defender unha continuidade da relixiosidade dende o eremitismo e a actual candidatura unha coherencia entre os muíños tradicionais e os encoros franquistas. Dificilmente se poderá acreditar unha «paisaxe cultura coherente», como solicita a UNESCO, partindo dunha inventio e dunha delimitación feita nos despachos de costas aos habitantes do territorio.

Desta arte, a Fears considera que o informe de ICOMOS é totalmente correcto, lexítimo e científico.Aínda máis, é imposible demostrar histórica e cientificamente que os encoros son a evolución dos muíños medievais ou antigos. As infraestruturas “industriais” en todos os lugares do mundo sen excepción, supuxeron a “destrución” da arquitectura e usos tradicionais, nunca a súa preservación e continuidade. Por iso, son escandalosas as declaracións de Iceta cuestionando os técnicos de Icomos e da Unesco e só por iso debería dimitir, xa que non está capacitado para o seu posto. A revisión da candidatura vai continuar na senda que desde o seu comezo trazou: a invención da historia e a anulación da verdadeira memoria. Icomos fixo un informe correcto, a Xunta e os seus técnicos levan tres décadas de estafa intelectual e social.

A UNESCO tamén esixe afondar na conservación e planificación territorial, así como implicar ás comunidades locais, escoitar a sociedade civil organizada e aplicar políticas que permitan a recuperación demográfica e o mantemento da agricultura tradicional, aspectos sobre os que reiteradamente advertimos desde a FEARS, que nunca foi tida en conta nin escoitada.

Dende a FEARS entendemos que o primeiro paso sigue sendo coñecer se a cidadanía respalda realmente a candidatura, pois resulta evidente o desinterese xeral da poboación, que asiste ao deterioro dos servizos públicos e ao abandono das parroquias, en canto a Xunta inviste en propaganda, financia con xenerosidade proxectos de capital exterior e ignora a oposición de colectivos asociativos coma esta Federación. Lanzadeiras para os turistas e ausencia de transporte e mobilidade para os indíxenas. Por iso, o primeiro sería convocar un proceso de referendo en todos os Concellos do ámbito do BIC Ribeira Sacra sobre a continuidade da candidatura para avaliar a participación e o sentido de voto da maioría social, con mesas separadas para as parroquias ribeirás.

Por outra parte, a Xunta nunca presentou un estudo sobre os posibles impactos locais da inscrición da Ribeira Sacra na lista de Patrimonio Mundial. Estudos académicos sobre a evolución destes espazos declarados Patrimonio Mundial inciden na necesidade de dotarse de plans de xestión serios para evitar a banalización, masificación e conversión dos territorios Patrimonio Mundial en parques temáticos, como xa está a suceder en determinados puntos da Ribeira Sacra coa promoción directa da Xunta.

O fracaso técnico e político agrávase co feito de intentar sacar adiante a inscrición pretendendo obviar o informe negativo de ICOMOS e cuestionando os organismos internacionais por defender a nefasta candidatura elaborada pola Xunta. Dende a FEARS lamentamos que todas as administracións (Concellos, Deputacións de Lugo Ourense e Goberno do Estado) asumiran acriticamente o relato e dirección da Xunta durante estes anos, chegando mesmo agora a menosprezar o informe técnico do ICOMOS en contra da inscrición. Asistimos a unha tensión innecesaria dos organismos internacionais – con negociacións nos corredores – só para intentar salvar unha candidatura nefasta que a Xunta leva alimentando décadas dun xeito totalmente fraudulento, a pesar de que iso afonde no deterioro da imaxe da UNESCO e da credibilidade do propio Reino de España. Lamentable que se reproduzan as dinámicas caciquís tan propias do territorio da Ribeira Sacra a escala internacional: ás veces é mellor unha retirada a tempo.

A Xunta debe mudar por completo as súas prioridades e deixar de investir en propaganda para gastar en servizos, mobilidade, catalogación e conservación do patrimonio… e tamén en estudos científicos sobre o territorio e a conservación da paisaxe. Isto exixiría responsabilidades políticas e técnicas – dimisións – e a creación dun comité científico que funcione de xeito transparente, en coordinación coa misión de asesoramento do ICOMOS que a UNESCO pon como condición para volver presentar a candidatura. Particularmente, a candidatura, de continuar, non pode seguir dirixida polas mesmas persoas que reiteradamente a levaron ao fracaso.

En resumo, as propostas da FEARS:

1. Referendo cidadán para decidir se se continúa coa defensa da candidatura e implicación real do tecido social no proceso. De continuar, debe haber mecanismos de participación directa e real da poboación e non foros teledirixidos polas elites locais.

2. Estudo serio sobre os impactos locais da inscrición da Ribeira Sacra na listaxe de Patrimonio Mundial que teña en conta experiencias concretas de degradación asociadas a este recoñecemento en diferentes partes do mundo.

3. Responsabilidades políticas e técnicas: de continuar a candidatura, non pode ser dirixida polas mesmas persoas. A candidatura debe desligarse, na medida do posíbel, dos partidos políticos que a empregaron na súa estratexia social e electoral sen comprender realmente o que implica a listaxe de Patrimonio Mundial e os seus requisitos.

4. Creación dun comité científico que funcione con transparencia e coordinación coa misión de asesoramento do ICOMOS, escoitando a poboación local e o coñecemento presente no territorio.

5. Publicar con total transparencia os recursos públicos queimados nestes 30 anos de candidatura fracasada.

FEDERACIÓN ASOCIACIÓNS RIBEIRA SACRA

Deixar un comentario