O XX Encontro á Luz da Lúa do Colado do Vento celebrarase en Cadeiras o 1 de agosto de 2026, a partir das 22 horas.
Como artistas convidadas, Carlos Rafael, poeta, Leni Pérez e Roberto Comesaña, voz e acordeón, e Aldara Pérez, frauta.
Hai exactamente 20 anos celebramos o primeiro encontro músico-poético á luz da lúa.
Daquela, non había concertos en miradoiros, a carón do Sil ou na contorna de petróglifos: pero creámolo e funcionou.
Levamos dúas décadas de encontros participativos á luz da lúa, desfrutando e valorando o Patrimonio de Sober en común. Durante este tempo, pasamos polos Chancís, Chanteiro, Cadeiras, Gundivós, Rosende… Acolléronnos espazos naturais, igrexas ou patios particulares. Desfrutamos de poetas e músicas coma Olga Novo, Silvia Penas, As Tanxugueiras, Bouba, Fillas de Cassandra… Vivimos momentos máxicos e centos de persoas animáronse a ler, recitar ou cantar… a expresar sen medo nun ambiente de xuntanza.
Iso si, tamén vivimos como cada vez somos máis e é difícil manter o ambiente de silencio necesario para desfrutar. E non queremos que A Luz da Lúa deixe de ter esa compoñente participativa, aínda que sexamos moita xente.
Pero, para iso, imos pedirvos que veñades celebrar estes vinte anos de Encontros á Luz da Lúa do Colado do Vento tendo en contra as seguintes recomendacións:
– Manter silencio nos momentos das actuacións. Haberá descansos e pausas nas que poder falar e partillar pareceres.
– Non interromper con fotografías e vídeos, sobre todo con flash. Simplemente, reláxate e desfruta, sempre hai persoas socias do Colado que toman fotos e vídeos que logo ccmpartimos dende a organización. Pero, sobre todo, lembra que o importante é gozar do momento, non levalo na memoria dixital.
– Animarse a compartir sen medo. Se tes poemas, cancións, contos… o que desexes expresar, vai haber momentos pensados para introducir as achegas de todo o mundo. Con todo, se tes claro que podes colaborar, podes enviar a información a coladodovento@gmail.com e así planificamos mellor o guión da velada.
Vémonos o sábado 1 de agosto en Cadeiras (zona pendellos-campo da festa) a partir das 22 horas.
20 anos dos Encontros á Luz da Lúa.


Deixar un comentario